MANIFESTO

Os músicos non somos nin máis nin menos ca ninguén. A música que facemos chega ó corazón, coma o sangue, e despois alixeira os nosos pés, coma o bo viño. Pisamos lama cando chove, coma todo o mundo (e mesmo podemos facer unha canción sobre iso, xa se sabe). Somos humanos, coas nosas cousas, as nosas necesidades, obrigas e dereitos.

“As obras do ser humano son máis fermosas que o ser humano“, dixo o poeta. Poida que si, que sexa máis doado escoitar a nosa obra que convivir con nós. Abstraémonos con facilidade, manexamos mellor a armonía que as follas de cálculo, ás veces non prestamos a atención debida á festa de aniversario dos nosos achegados, e adoitamos estar lonxe mesmo estando perto. Disimulade, por favor. Precisamos de vós, e moito. O pan e o sal da nosa vida, a nosa inspiración, es ti. Tanto se estás perto de nós, como en fronte nosa batendo palmas, precisámoste desde este palco. O que ti nos dás, nós transformámolo en música.

Queremos o que todo o mundo quere: respirar, traballar, cobrar o xusto para pagar as facturas a tempo, disfrutar da boa compaña na terraza do bar do lado, axudar a reconstruír este país extraordinario, emocionarnos e emocionar, sorprender, e chorar de alegría sabendo que compartimos máis do que soñamos nunca. Nós, homes e mulleres, dicímolo dun xeito persoal: co noso instrumento, a nosa voz, a palabra.

Non imos parar de crear. A canción, a sinfonía, o rap ou o pulso do swing non son armas de destrución, son boomerangs que voan de alma en alma, que veñen e van, e sempre que retornan descúbrennos todo o bo do que somos capaces en comunidade, e constrúen un vínculo intanxible pero eterno. 

Só é Música, pero é tanto …

AS NOSAS DEMANDAS 

O noso Estatuto é o noso futuro.

Debemos desenvolver e completar canto antes o Estatuto do Artista, xa que estas medidas normativas veñen a arranxar os problemas estruturais de contratación na música ao vivo, cotizacións á Seguridade Social, fiscalidade e compatibilidade con todo tipo de pensións, etc.

Queremos un Internet xusto.

Debemos recibir unha xusta remuneración polo noso traballo no mundo dixital. Internet é unha ferramenta marabillosa, pero ten que ser tamén xusta para os músicos. Para xs músicos, agora mesmo internet é sinónimo de indefensión, e non de xustiza. 

Precisamos axuda.

Mentres non voltemos á normalidade, recuperando a música ao vivo, débense crear todas aquelas axudas que sexan precisas, atendendo ás necesidades reais dxs músicos. A extensión temporal da pandemia obriga a revisar con sensibilidade as axudas ó sector, de xeito cuantitativo e cualitativo.